Organización Territorial

Santa Mariña de Arcos da Condesa, constituída en Entidade Local Menor polo Decreto de 18 de xaneiro do 1946 (B.O.E. número 41, do 10 de febreiro de 1946), é unha das nove parroquias do municipio de Caldas de Reis (Pontevedra).

Cunha extensión de 760 hectáreas, limita ao Norte coa parroquia de Santa María de Caldas de Reis (Caldas de Reis) e coa de San Salvador de Saiáns (Moraña); ao Sur coa de San Cristovo de Briallos (Portas); ao Leste coa de San Salvador de Saiáns (Moraña); e ao Oeste coa de Santa María de Portas (Portas).

É probable que o seu nome derive, por unha banda, do latín arcix, que significa “castelo ou fortaleza” e, por outra banda, da condesa Munia Froilaz (Traba, Laxe, A Coruña, c. 1080 - 4.XI.1147 post.), filla de Froila Vermúdez e Lucía, irmá de Ermesinda Froilaz e media irmá dos condes Gonzalo Froilaz, Pedro Froilaz e Rodrigo Froilaz, e polo tanto, membro da familia dos Traba, que reconstruíron un antigo mosteiro, segundo Hipólito de Saa, o de San Breixo de Arcos, fundado polos seus antepasados e posteriormente doado ao Arzobispo Xelmírez. Consérvase na Universidade compostelá un fragmento de contrato datado no ano 898 que fai referencia á comunidade monacal que o ocupaba. Munia estuvo casada con Paio Menéndez, fillo de Goda. Tiveron ao menos unha filla, Mariña Peláez, e un fillo de nome descoñecido, que faleceu afogado no mar, nas proximidades de Xubia. Tras o falecemento de Paio, Munia quixo facer vida relixiosa e figura como "Deo vota" no ano 1110, destacando como fundadora do mosteiro de San Salvador de Pedroso, onde foi sepultado o seu corpo. No século XIII as noticias sobre o mosteiro de Arcos son menores, aínda que perduran as relativas á parroquia. Séculos despois, no ano 1809 o exército de Napoleón arrasa Arcos, queima o pazo de Soutomarán, no lugar de Marán, onde Don Melchor López de Nodal foi asasinado. Ata o ano 1836 Arcos, que ata entonces era parroquia-couto do Cabildo de Santiago, pasou a formar parte do Municipio de Caldas de Reis, deixando de ter xurisdición propia. Entonces, veciñas e veciños solicitaron a súa separación e tras continuas reclamacións concedeúselle a Arcos da Condesa a súa constitución como Entidade Local Menor, unha das nove que existen en Galicia, oito na provincia de Pontevedra (Bembrive, Morgadáns, Chenlo, Pazos de Reis, Camposancos, Vilasobroso e Queimadelos) e unha na de Ourense (Berán).

Por ela atravesa a Vía Romana XIX, itinerario "antonino" que transcorre entre Braga e Lugo, e que coincide nun 85-90 % co Camiño Portugués a Santiago de Compostela.

Como integrante da Ruta Xacobea, atópase cruzada de Sur a Norte polo Camiño Portugués a Santiago de Compostela, que discorre polos núcleos de poboación de O Ameal e Baja, e en paralelo ao río Chaín. No entorno do Camiño atópase a Capela consagrada a Santa Lucía, concretamente no lugar do Ameal e da cal se coñece a súa existencia xa no ano 1607. Así mesmo, no ámbito territorial da freguesía érguese a Igrexa Parroquial de Santa Mariña, iniciada no século X e ampliada en sucesivas ocasións ata o século XVIII, no lugar de San Martiño, por onde algún peregrino continua o seu camiño, o que fai pensar na posibilidade de que nalgún momento da historia o Camiño a Santiago transcorrera por este lugar; de feito, destaca no muro traseiro da Igrexa a imaxe de Santiago Peregrino.

Conforme datos do Instituto Nacional de Estadística, a 1 de xaneiro do 2019, en Arcos da Condesa figuran censados 399 habitantes, repartidos en 10 entidades de poboación espalladas nas abas do Monte Agüeiros: Ameal, Arosa, Badoucos, Baja, Ceboleira, Marán, Penalta, San Martiño e Valsordo. Mais o número de persoas que habitan a parroquia supera os 400.

Posición xeográfica Latitude: 42,578º N Lonxitude: -8,6350º O
Orografía

Atendendo ao seu medio físico, Arcos da Condesa delimita polo Leste co Monte Agüeiros, unha sucesión de elevacións de entre 200 e 300 metros, onde predomina o piñeiro e a frondosa, e por onde avanzan varios regatos de Leste a Oeste, todos eles afluentes do río Chaín, que discorre de Sur a Norte e, á súa vez, é afluente do río Umia.

Os regatos referidos son: Pedra Filga (Pitaína), Foxacos ou de Vega (conflúe co rego Badoucos), Badoucos ou Regueira, Valorento, Arcos e Porto (delimitación coa parroquia de Briallos, Portas).

A orografía da parroquia é unha combinación de zona baixa e zona de montaña. Por unha banda, a primeira das zonas está adicada á agricultura e dispón dunha zona inundable entre o Camiño a Santiago e o monte da Presa, por onde discorre o río Chaín. Por outra banda, a segunda está constituída polo xa citado Monte Agüeiros, onde conflúen a zona forestal pública (Monte de Utilidade Pública Agüeiros Nº1) e privada, e por onde transcorren rutas de sendeirismo e se pode contemplar un exemplo de arte rupestre, o petroglifo denominado Pedra da Grada ou Tres Curas ou Manto da Virxe, no linde cos municipios de Moraña e de Portas; un penedo de aproximadamente 2,5 metros de alto situado nunha planicie e no que se representa unha figura orientada ao suroeste, de 1,75 metros de alto e algo máis de 1 metro de ancho, semellante ao apeiro agrícola tradicional chamado grade. Así mesmo, na zona baixa sobresaen o Monte do Castro, o Monte do Sixto, o Monte da Revolta (case extinto), a Carballeira do Bacelo, o Monte de Santa Lucía e o Monte da Presa (delimitación co concello de Portas).

Clima

Trátase dunha zona caracterizada por un clima Mediterráneo marítimo, con marcada influencia atlántica. Dispón así dun clima moi húmido, cunha precipitación media anual de 1.490,48 mm; o periodo de máximas precipitacións abrangue de outubro a xaneiro e o periodo de mínimas precipitacións de xuño a agosto. A temperatura media anual é de 14,53 ºC.

Comunicacións
Estradas Aeroportos Estacións de FF.CC Estacións de Autobuses
N-550: Tui - A Coruña Rosalía de Castro, Santiago de Comp.: 52 km Pontevedra: 17 kmPontevedra: 17 km
N-640: Vil. de Arousa - A Estrada - Lalín Peinador, Vigo: 48 km Vilagarcía: 17,7 kmVilagarcía de Arousa: 11 km
AG-41: Autovía do Salnés Alvedro, A Coruña: 115 km A Estrada: 24 km
AP-9: Autoestrada do Atlántico Francisco Sá Carneiro, Oporto: 148 km
VG-4.3: VAC Vilagarcía – Cambados
Distancia
  • Caldas de Reis: 3,5 km
  • Vilagarcía de Arousa: 11 km
  • Pontevedra: 21 km
  • A Estrada: 24 km
  • Santiago de Compostela: 50 km
  • Vigo: 45 km

FONTES:

  • Real Academia da Historia.
  • De Sa Bravo, H. "Rutas del Románico en la provincia de Pontevedra. Pontevedra, 1978.
  • De Sa Bravo, H. "Caldas de Reis. Páginas históricas de la villa y de linajes de la misma y su contorno. Pontevedra, 1986.
  • Proxecto de ordenación do Monte de Utilidade Pública Agüeiros Nº1.
  • Instituto Nacional de Estatística.

COLABORACIÓN: Iglesias Feijóo A. e Vaamonde Balseiro, V.