Obradoiro de fundición de campás Ocampo
Orixes e Mestres fundidores
A longa experiencia desta casa na elaboración artesá de campás data do século XVII. Nas súas orixes, a creación de campás era un oficio nómada; os mestres fundidores realizaban o seu traballo por todo o norte de España, establecendo o seu obradoiro de maneira temporal para fundir varias campás para a mesma zona.
O Obradoiro de Campás Ocampo en Arcos da Condesa estivo ligado sempre á mesma familia. Este oficio tradicional, que perdura de xeración en xeración, caracterízase por unha elaboración completamente artesá dende a súa orixe. Dende que esta familia ten constancia non se modificou a forma de construción, sendo a máxima da casa a calidade sonora e, en especial, a nobreza dos seus materiais.
No ano 1630, procedente do norte da península, Felipe Blanco Ocampo establece na mesma edificación a súa vivenda e obradoiro no Souto da Saniña (O Ameal). Esta foi propiedade de Adelaida Ocampo Fontán, veciña do lugar de Penalta, ata o seu falecemento.
O primeiro mestre documentado é Juan Gerónimo Blanco (m.1825).
A este sucédeno os seus fillos, Juan Manuel, Antonio e Felipe Blanco Paz, quenes desenvolveron a actividade no mesmo obradoiro que seu pai, na Saniña.
A estes sucédeos o seu sobriño Juan Ramón Ocampo Blanco (m. 1898). Con el prodúcese o cambio de apelido. Foi quen mudou o obradoiro para unha construción ao oeste do lugar do Ameal, ao carón da vivenda, pero nun terreo distinto. Na actualidade tanto a casa como a edificación na que se atopaba o obradoiro coñécese na parroquia como a casa de Manuel de Amando.
A este sucédeo en vida un dos seus oito fillos, Melchor Ocampo Baliñas (n.1847 – m.1913), quen traslada o obradoiro ao lugar de Badoucos no ano 1886 (obradoiro actual) e constrúe a casa que foi propiedade da veciña Cándida Buceta Ferreiro no mesmo lugar.
A este sucédeo un dos seus once fillos, Juan Ocampo Barreira (n.1880 – m. 24 de xullo de 1954), aínda que aprenden o oficio tanto Juan como o seu irmán José (m. 1972, aos 86 anos), pero este último abandona a fundición ao casar no lugar de San Martiño, aínda que continúa axudando coa compra de estaño, tarefa que se facía a cabalo. Juan, ao casar, primeiro vive na casa de Melchor e logo trasládase á “casa da fonte” (aínda hoxe denominada así), anexa á edificación na que se atopa o obradoiro. Finalmente trasládase á casa que Melchor erixira ao carón da súa polo norte.
Juan tivo unha vida complexa. Quedou viúvo do primeiro casamento. No ámbito profesional as dificultades tamén estiveron presentes; debido ao inicio da Guerra Civil perdeu un contrato para fundir unha campá de 8.000 quilos para a catedral de Santiago de Compostela. Moitas das súas campás carecen de gravado; coñécese que foron fundidas por el grazas ás súas características de fundición e pola data. A Juan comeza a irlle mellor unha vez que os seus fillos comezan a axudarlle no obradoiro.
A este mestre fundidor sucédeno, no mesmo obradoiro que fundara seu avó, catro dos seus catorce fillos, dos cales dous (Basilio e Arturo) deixan de traballar na fundición ao casar (Basilio no lugar de San Martiño). Así, continúan coa actividade Manuel, José, Laureano e Julio Román Ocampo del Río, quenes ademais de fundir campás dedicábanse á labranza e á elaboración de augardente. Na fundición, Manuel encargábase da direción comercial e os demais irmáns da actividade no obradoiro, dirixidos tecnicamente por Laureano. As campás fundidas por eles catro atópanse por toda Galicia, España e parte do estranxeiro.
Con eles catro comezará a traballar o xenro de Julio, Enrique Lopéz García (Badoucos, 1952), cando casa coa súa filla Mª Josefa Ocampo Fernández, quen ten unha irmá, Julia Ocampo Fernández. Enrique aprende as tarefas do obradoiro con Laureano e todo o relacionado coa direción comercial xunto Manuel. Traballan os cinco xuntos ata o falecemento dos catro irmáns: José (18 de novembro de 1992), Manuel (26 de novembro de 1999), Laureano (20 de febreiro de 2001) e Julio (19 de marzo de 2006).
Con Enrique comeza a traballar o seu fillo José Enrique López Ocampo (Badoucos, 1978), actual mestre fundidor que desenvolve o oficio no mesmo obradoiro construido polo seu tataravó Melchor. De non ser pola iniciativa de Enrique para aprender, tal vez hoxe en día estariamos falando dun oficio artesán extinto.
Evolución dos gravados
Melchor Ocampo Baliñas (1847-1913). Tódalas campás fundidas por el levan o gravado: JHS MARÍA Y JOSÉ / MELCHOR OCAMPO ME HIZO EN / ARCOS DE LA CONDESA.
Juan Ocampo Barreira (1880-1954). O gravado das súas campás di: JUAN OCAMPO / FUNDICIÓN DE CAMPANAS Y METALES FINOS / CALDAS DE REYES
Manuel, José, Laureano e Julio (falecidos entre 1992 e 2006). As súas campás poden levar un dos dous gravados seguintes: HERMANOS OCAMPO / FUNDICIÓN DE CAMPANAS Y METALES FINOS / ARCOS DE LA CONDESA ou HERMANOS OCAMPO / FUNCIÓN DE CAMPANAS Y METALES FINOS / ARCOS DE LA CONDESA
José Enrique López Ocampo, actual mestre fundidor. As campás fundidas por el levan o gravado: ME HIZO OCAMPO EN / ARCOS DA CONDESA / PONTEVEDRA.
O obradoiro de fundición
O obradoiro de fundición de campás Ocampo, sito no lugar de Badoucos, é o único con actividade na actualidade en Galicia e o único de España no que se funden campás seguindo un proceso completamente artesán.
No interior da edificación destacan unha barreira, unha morea de terra utilizada para aterrar os moldes, un forno, un crisol, unha leñeira e unha borralleira. Na zona central da edificación, á que traslada o obradoiro Melchor Ocampo Baliñas no ano 1886, atópase o conxunto formado por forno e crisol (ambos comunicados case a media altura). Diante do crisol sotérranse os moldes das campás, aos que chega o metal fundido mediante canles que é preciso construir para cada fundición. Así mesmo, o crisol conta con dúas chimeneas laterais, dous miradoiros polos que observar o metal cando se está a fundir, e un buraco á fronte necesario para a saída do metal fundido.
O proceso de creación
O proceso de creación dos moldes e de fundición de campás consiste nun proceso técnico e artesán complexo, do que se descoñece a súa orixe. Trata dunha mestura de oficios complementarios: carpinteiro, albanel, canteiro, oleiro, cereiro, fundidor e ferreiro. Entre os materiais empregados destacan: o barro, a madeira, o arame, a estopa, a brea, a cera, a cinza, a terra, o bronce, o estaño e a madeira.
A técnica, que non se veu alterada ao longo dos séculos, lévase a cabo nun proceso longo, que se pode extender durante tres meses, e de varios pasos.
Primeiro elabóranse manualmente os ladrillos curvos para formar a estrutura do molde interior, denominado macho. Este é igual á parte interior da campá unha vez fundida. Rematado este molde dáselle cunha brocha unha man de cinza.
Logo trázase nunha táboa, o patrón, denominada terraxa, para facer o perfil interior e exterior de campá. Para facela terraxa é necesaria unha peza de buxo (escantillón) na que está representada a arroba galega.
Unha vez feito o patrón e secos os ladrillos, empézase a facer o primeiro molde, o molde interior (denominado macho e que é igual á parte interior da campá) ao redor dun eixe vertical fixo. A estrutura de ladrillos cúbrese cun barro torneado coa axuda do patrón ata que o macho está afinado (liso) e dáselle consistencia con arame e estopa. Unha vez seco, aplícaselle cinza cocida.
No mesmo patrón usado para o primeiro molde trázase o perfil do segundo molde, denominado camisa ou falsa capa (o seu grosor correspóndese co grosor da campá). Este segundo molde irá superposto sobre o primeiro (macho), quedando así un oco entre os dous que será onde entre o metal fundido. O segundo molde faise de barro torneado e dáselle maior consistencia con estopa. Cando está rematado e seco aplícaselle un baño dunha mezcla feita de brea e cera. Logo, en quente, superpóñenselle os elementos decorativos feitos de cera. Para finalizar aplícase cun pincel durante catro días unha capa de lixa (barro moi fino), que debe secar a temperatura ambiente.
Despois de aplicar a última capa de lixa comeza a elaborarse o terceiro molde, denominado capa. Este irá superposto sobre a camisa ou falsa campá. O último molde realízase cun barro reforzado con arame e estopa,para que sexa consistente e non fenda no momento de entrada do metal. Na capa superposta quedan gravadas tódalas inscricións e símbolos decorativos.
Ademais destes tres moldes, elabórase o molde para a asa da campá. Pode ser sinxela ou asa de coroa no caso das campás máis pesadas. Este molde leva un bebedoiro e un respiradoiro, onde se coloca o antonino o día da fundición, O molde da asa colócase sobre o molde da campá na semana da fundición, cando o molde da campá está asentado diante do forno do metal.
A semana da fundición
Cando os moldes están secos procédese a desencaixalos, separando a capa (terceiro molde) da camisa (segundo molde, que se corresponde co grosor da campá) e esta do macho (primeiro molde). Cada molde debe ser tratado co máximo coidado para evitar que rompa.
Unha vez asentado o macho (primeiro molde) diante do crisol e á altura necesaria, rómpese a camisa, énchese de terra o interior do macho, colócase a peza na que irá colgada o badalo e sobreponse a capa (terceiro molde) quedando entre ambos moldes o espazo que se encherá co metal fundido.
Asentados os dous moldes, bótanse ao seu redor varias capas de terra duns vinte centímetros que é preciso compactar coa axuda dos pés e dun atacador de pau chamado pisón. Deste xeito evitarase que rebenten os moldes cando entre neles o metal fundido.
A continuación colócase o molde da asa da campá. A asa interior da campá (hambrilla), onde se engancha o badalo e o molde da asa, colócase antes de botar a última capa de terra. Tanto a hambrilla como o badalo non son de fundición.
Colocado o molde da asa, con entrada para o metal fundido e respiradoiro, constrúese a canle, sobre a última capa de terra, por onde discorrerá o metal dende a saída do crisol ata o bebedoiro do molde. Esta canle faise na víspera da fundición con pedras, anacos de tella do país, barro e unha capa final de cinza cocida que evitará que o metal fundido se adhira á canle.
Días antes desfaise a parte superior do crisol e límpase o seu interior. Tamén é preciso pesar o metal para fundir, que se introduce no crisol limpo e sen impurezas sobre unha capa de cinza cocida (secada con lume) na víspera da fundición. Ao forno no que se introduce o metal é necesario porlle no mesmo momento o tapón por onde sairá o metal fundido (o tapón rebózase con cinza cocida). Nunha fundición poden chegar a fundirse 2.000 quilos de metal (cobre e estaño), que os pode levar unha única campá ou poden ir repartidos entre dúas ou tres. Mais o habitual é que en cada fundición se fagan entre cinco ou seis campás de entre 200 e 300 quilos. A cantidade de metal a fundir sempre debe ser superior á cantidade total que levan os moldes. Os restos de metal que quedan na canle serán empregados nas próximas fundicións. Tanto a composición como o motivo da sonoridade da campá son un segredo familiar.
Unha vez que o metal para fundir se atopa no interior do crisol, chega o momento de cerrar a parte superior curva do mesmo. Para esta tarefa o mestre fundidor, coa única axuda das súas mans, vai colocando e encaixando con precisión os ladrillos que finalmente recubrirá de barro.
Por último, colócase a leña na leñeira para poder ser usada ao día seguinte. Ademais, préndese lume na canle para que vaia secando e collendo temperatura.
O día da fundición
Trátase dun día máxico para quen pode presenciar a fundición co permiso do mestre e tamén dunha xornada de moita tensión na que nada pode fallar, ou todo o traballo realizado durante meses irá ao traste.
O metal fúndese nun crisol grazas a un forno que traballa con leña e tiro natural con capacidade para fundir arredor de 2.000 quilos en aproximadamente seis horas.
O mestre fundidor atende o lume no forno e o crisol. Así mesmo, prende lume á canle para facerlle cama quente ao metal.
Acto seguido, despois de limpar a canle, destapar os bebedoiros e introducirlles un pau denominado antonino, o mestre colócase fronte a canle e o crisol, agarra un varal e reza un Nosopai, unha Ave María, unha Gloria ás almiñas do purgatorio e unha Salve á Virxe do Carme, acompañado dos presentes. A continuación golpea co varal o tapón do crisol, o metal sae e os axudantes levantan as varas dos bebedoiros por onde entra o metal, saindo os gases polos respiradoiros.
Unha vez fundidas as campás, moldes e campás permanecen soterrados arrefriando para un bo curado do metal os días que o mestre considere necesarios. Este tempo dependerá do peso da campá e axudará a conferir durabilidade e sonoridade á mesma. Habitualmente aos tres días desentérranse, límpanse, púlense e cólganse para ser probadas. O mestre fundidor tamén é o encargado de facer o madeiro e colocarllo, xunto o eixe, vara e badalo, así como de subir a campá ao campanario e colgala.
Este obradoiro, ademais de encargarse da creación de campás, tamén se ocupa da súa restauración e electrificación
Na súa longa historia, unha das fundicións máis destacadas foi a de catro campás para a denominada “Torre dos galegos” (torre dereita) da catedral de Santa María a Real da Almudena (Madrid) de 2.000 e 1.800 quilos no ano 1998, e de 1.500 e 1.300 quilos no ano 1999.Tamén sairón deste obradoiro as famosas campás de Bastavales, ás que Rosalía de Castro fai referencia na súa obra, ou a creación de campás para pequenas igrexas galegas e de países como México e Arxentina.
Como xa se mencionou anteriormente, ao referirnos á vida do mestre fundidor Juan Ocampo Barreira, unha das anécdotas máis singulares da casa dos Ocampo ocorreu no ano 1935, cando recibiron unha proposición do Cabildo de Santiago de Compostela para fundir unha campá de 8.000 quilos cun presuposto de 275.000 pesetas. Este traballo tiña unhas condicións de contrato especiais, xa que no forno que posuían en dita época no seu obradoiro non tiñan capacidade para unhas dimensións tan grandes, entón o que se decidiu foi facela campá na Praza do Obradoiro coa construcción do forno e o molde necesarios para a súa fundición. Pero o proxecto veuse abaixo debido á Guerra Civil. Décadas despois, no ano 1995 os Ocampo realizaron a réplica dunha campá, a cal pertencía a esta obradoiro e datada no 1700. Dita campá atópase no Museo da Catedral Compostelá e a réplica na “Torre das Campás” da catedral, xunto outras campás fundidas neste obradoiro.
Na actualidade seguen fundindo campás de diferentes tamaños, sendo as máis frecuentes de 200 ou 300 quilos, tratando de manter a tradición e transmitindo os coñecementos de xeración en xeración.
FONTES:
- Membros da familia López Ocampo: Mª Josefa Ocampo Fernández, Enrique López García e José Enrique López Ocampo.
- García Alonso, C. As campás galegas. Fundición. 2012. Deputación de Pontevedra.
- Revista Obradoiro de artesanía. 2015. Xunta de Galicia
- Gran Enciclopedia Gallega. 1974. Editor Silverio Cañada. Tomo II. Páx. 162.
FOTOGRAFÍAS: Páez Prado, D. M. e Vaamonde Balseiro, V.
COLABORACIÓN: Iglesias Feijóo, A. e Vaamonde Balseiro, V.