Saúdo do Alcalde-Presidente

Estimados Amigos e Amigas,

Douvos a benvida á páxina web oficial da Entidade Local Menor de Arcos da Condesa, unha ferramenta virtual coa que pretendemos da a coñecer todos os servizos, obras, actividades, historia e descrición do patrimonio da nosa fermosa parroquia.

A Entidade Local Menor nace no ano 1946 por decreto de gobernación, tras unha larga loita veciñal que defendía que fosen as veciñas e veciños de Arcos os encargados da xestión e do aproveitamento dos recursos forestais da parroquia, do que logo se recoñeceu como Monte de Utilidade Pública Agüeiros Nº1.

Arcos da Condesa é unha das parroquias localizada dentro do Concello de Caldas de Reis, que conta cunha amplia riqueza patrimonial como son: un castro, un petróglifo (Pedra da Agra), numerosos cruceiros, lavadoiros e fontes… Polo Oeste da nosa parroquia pasa o Camiño de Santiago na súa variante Portuguesa e no lugar de Badoucos atopamos un Obrador de Campás artesanal, que data dos anos 1600, e que a día de hoxe segue a funcionar.

O noso proxecto para a Entidade Local Menor e a de por en valor esta forma de xestión inframunicipal, da que só existen 9 en Galicia, pero que consideramos esencial para o mellor coñecemento das necesidades dos nosos veciños así como dunha mellor xestión e aproveitamento do patrimonio e dos recursos da nosa parroquia. O meu compromiso como Alcalde-Presidente, é o de conseguir manter e mellorar o patrimonio da Entidade, o seu entorno e os servizos a veciñanza, dentro dunha xestión transparente e aberta, cunha xestión ordenada e sostible do noso monte que permita a obtención de recursos no presente pero tamén para as xeracións futuras.

JOSÉ FRANCISCO ALONSO
Alcalde- Presidente da ELM de Arcos da Condesa